O Proxecto
A Vía Mariana é un proxecto de cooperación para a recuperación, posta en valor e promoción dun itinerario histórico e espiritual que conecta diferentes santuarios marianos do norte de Portugal e Galicia. Esta iniciativa busca recuperar antigas rutas de peregrinación e romaría, ao tempo que contribúe á preservación da cultura popular, á valorización do patrimonio rural e á dinamización económica dos territorios polos que discorre.
O proxecto está financiado no marco do convenio de colaboración entre a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) e os Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) para a aplicación das Estratexias de Desenvolvemento Local Participativas.
A Asociación GDR Terra e Auga exerce como entidade coordinadora dunha actuación que se desenvolve ao longo das anualidades 2025, 2026 e 2027.
Os territorios participantes
Na iniciativa participan seis Grupos de Desenvolvemento Rural, que representan un total de 75 concellos e artellan unha ampla rede de cooperación territorial. O ámbito de actuación abrangue diferentes comarcas, desde o sur de Galicia ata o oeste e a zona da costa, conectando espazos rurais, pequenos núcleos de poboación e lugares de especial interese patrimonial, cultural e natural.
GDR 13. Terra e Auga – Condado Paradanta
Arbo, A Caniza, O Covelo, Crecente, As Neves, Mondariz, Mondariz Balneario, Ponteareas, Salceda de Caselas e Salvaterra de Miño
GDR 14. Galicia Suroeste
A Guarda, Baiona, Fornelos de Montes, Gondomar, Mos, Nigrán, O Porriño, O Rosal, Oia, Pazos de Borbén, Redondela, Soutomaior, Tomiño e Tui
GDR 15. Pontevedra Morrazo
Barro, Bueu, Campo Lameiro, Cangas, Cerdedo-Cotobade, A Lama, Marín, Moaña, Poio, Ponte Caldelas, Pontevedra e Vilaboa
GDR 18. Deloa
Boiro, Dodro, Lousame, Muros, Noia, Outes, Padrón, Pobra do Caramiñal, Porto do Son, Rianxo, Ribeira e Rois
GDR 19. Terras de Compostela
Ames, Boqueixón, Brión, Santiago, Teo, Val do Dubra, Vedra, A Baña, Negreira e Santa Comba
GDR 22. Costa da Morte
Cabana de Bergantiños, Camariñas, Carballo, Carnota, Cee, Corcubión, Coristanco, Dumbría, Fisterra, A Laracha, Laxe, Malpica de Bergantiños, Mazaricos, Muxía, Ponteceso, Vimianzo e Zas
O itinerario discorre, en boa medida, por zonas rurais e de baixa densidade de poboación, atravesando núcleos urbanos que funcionan como importantes puntos de referencia e conexión territorial, especialmente Pontevedra e Santiago de Compostela. Este percorrido permite achegarse a unha Galicia menos coñecida, descubrir os seus recursos e tradicións e favorecer o contacto directo coas comunidades locais.
A Vía Mariana concíbese, así, como un itinerario no que o propio camiño é un fin en si mesmo. Máis alá de chegar a un destino, propón unha experiencia pausada de descubrimento do territorio, na que se combinan patrimonio, natureza, cultura e espiritualidade. Unha iniciativa que pretende atraer peregrinos e visitantes, xerar novas oportunidades para a economía local e contribuír a un desenvolvemento rural sostible.
Financiamento LEADER
O proxecto Vía Mariana conta co apoio do programa Leader da Unión Europea e cofinanciado pola Xunta de Galicia e o Goberno de España (Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación), no marco do convenio de colaboración entre Agader e os GDR para a aplicación das Estratexias de Desenvolvemento Local Participativas.
O programa Leader é un instrumento de desenvolvemento rural que promove a participación dos axentes locais na identificación e impulso de iniciativas adaptadas ás necesidades e potencialidades de cada territorio. A través da cooperación entre entidades, administracións, asociacións e outros axentes do ámbito local, favorece a posta en marcha de proxectos que contribúen á dinamización económica, social e cultural do medio rural.
Neste contexto, o financiamento Leader permite impulsar a Vía Mariana como unha iniciativa de cooperación territorial que busca recuperar e dar a coñecer o patrimonio cultural e natural, fortalecer a identidade dos territorios e xerar novas oportunidades vinculadas ao turismo sostible. Un proxecto que pon en valor os recursos locais e contribúe a construír un medio rural máis dinámico e atractivo.