A Asociación
Marco estatutario
Marco estatutario
A Asociación Vía Mariana Luso-Galaica (AVMLG) é unha entidade sen ánimo de lucro inscrita no Rexistro Nacional de Asociacións co número 616545. Desde a súa creación, traballa para preservar, sinalizar, manter e difundir a Vía Mariana, o itinerario que conecta os santuarios marianos de Galicia e do norte de Portugal.
A Asociación nace da vontade de recuperar e dar continuidade a antigos camiños de peregrinación, promovendo unha iniciativa colectiva que une patrimonio, cultura, natureza e espiritualidade. O seu labor parte da implicación das comunidades locais e da colaboración entre persoas, entidades e institucións que comparten o compromiso coa conservación e promoción deste itinerario.
Os nosos obxectivos son:
- Manter, consolidar e ampliar a Vía Mariana como ruta bidireccional de peregrinación entre Braga e Muxía.
- Preservar e poñer en valor o patrimonio espiritual, cultural, histórico e natural vinculado ao itinerario.
- Recuperar antigos camiños e contribuír á dinamización dos territorios rurais polos que discorre, especialmente daqueles afectados polo despoboamento.
- Favorecer unha experiencia de peregrinación de calidade, facilitando información, orientación e acollida ao longo do percorrido.
- Impulsar o estudo, a investigación e a divulgación da Vía Mariana, tanto no ámbito nacional como internacional.
- Promover a colaboración cos santuarios, parroquias, comunidades locais, administracións e axentes do territorio desde o respecto e a sustentabilidade.
A actividade da Asociación réxese por un Código de Boas Prácticas, asumido polas persoas socias e entidades colaboradoras, que establece os principios fundamentais para a conservación e promoción da Vía Mariana: respecto polo trazado histórico, protección da paisaxe e do patrimonio e acollida respectuosa e fraterna a quen realiza a peregrinaxe.
Promotores
Desde o primeiro día, o proxecto foise tecendo coa colaboración de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común; Asociacións veciñais e culturais das parroquias da ruta; persoas voluntarias comprometidas co seu lugar e párrocos e reitores dos santuarios marianos.
Ademais, a Vía Mariana conta co aval intelectual de figuras como: Miguel Taín Guzmán (USC); Domingo González Lopo (USC), referente nas peregrinacións marianas; Antón Pombo Rodríguez, historiador e xornalista; George Greenia, expresidente de American Pilgrims on the Camino; ou Miguel Anxo Cagigal, especialista en patrimonio.
Hoxe, a Vía Mariana sostense sobre unha rede sólida:
Asociación Vía Mariana Luso-Galaica: entidade titular do proxecto
Rede dos 6 GDR galegos: cooperación europea LEADER
Concellos da ruta en Galicia e Portugal
Dióceses de Braga, Tui-Vigo e Santiago de Compostela
Parque Nacional Peneda-Gerês (ICNF Portugal)
Evolución histórica
Evolución histórica
2017 · Os primeiros pasos na Franqueira
O 17 de xuño de 2017, o Santuario de Nosa Señora da Franqueira, na Cañiza, acolleu un encontro no que participaron representantes de comunidades de montes, asociacións veciñais, centros culturais, parroquias e persoas vinculadas ao estudo dos camiños de peregrinación e do patrimonio. Esta xuntanza marcou un dos primeiros pasos para articular unha iniciativa colectiva orientada á recuperación e promoción das antigas rutas que conectaban os santuarios marianos de Galicia e do norte de Portugal.
2018-2019 · Constitución da Asociación
O 20 de xuño de 2018 asináronse os Estatutos da Asociación Vía Mariana Luso-Galaica na Cañiza, dando forma xurídica a unha iniciativa que xa contaba coa implicación de diferentes colectivos e persoas dos territorios polos que discorre o itinerario. A entidade estableceu a súa sede en Parada de Achas.
2019-2024 · Consolidación da Vía Mariana
Durante estes anos, a Asociación centrou os seus esforzos na definición e consolidación do itinerario e na creación dos recursos necesarios para facilitar a peregrinaxe e fortalecer a rede de colaboración local.
Entre os principais avances destacan:
- A definición e sinalización do trazado, cun percorrido duns 400 quilómetros entre o Santuario do Sameiro, en Braga, e o Santuario da Virxe da Barca, en Muxía.
- A creación dos materiais de apoio á peregrinaxe, entre eles a credencial, a guía oficial e a Certificación Mariana.
- O desenvolvemento dunha rede de aloxamentos e establecementos asociados ao longo do percorrido.
- A incorporación de persoas delegadas territoriais para favorecer a coordinación, a atención e a colaboración en cada zona.
Actualidade · Cooperación e proxección internacional
A Vía Mariana continúa medrando grazas á cooperación entre os axentes do territorio e á colaboración con entidades de diferentes ámbitos. Un dos fitos desta nova etapa é a súa integración nun proxecto de cooperación no que participan seis Grupos de Desenvolvemento Rural galegos, co apoio do programa Leader e o cofinanciamento da Unión Europea.
Ademais, a colaboración coa comunidade Vía Mariana Magyarul, de Hungría, contribúe a ampliar a difusión do itinerario e a achegalo a novos públicos, especialmente en Europa Central.
A Vía Mariana é, así, unha iniciativa colectiva que segue construíndose desde o territorio e co compromiso das persoas e comunidades que a fan posible.
Delegados/as territoriais
Delegados/as territoriais
As persoas delegadas territoriais son a representación da Asociación Vía Mariana Luso-Galaica nos diferentes territorios polos que discorre o itinerario. Constitúen unha figura fundamental para manter o vínculo entre a entidade e as comunidades locais, favorecer a coordinación e garantir que a Vía Mariana siga sendo un proxecto próximo e participativo.
O seu labor abrangue diferentes ámbitos:
Coidado e mantemento do trazado
Colaboran na supervisión do estado dos camiños, identificando posibles incidencias, como a presenza de maleza, danos na sinalización ou dificultades de paso, e trasladando as necesidades de mantemento á Asociación e ás entidades correspondentes.
Sinalización e orientación
Velan pola conservación e visibilidade da sinalización oficial, contribuíndo a que as persoas que realizan a peregrinaxe poidan identificar correctamente o itinerario e seguir o percorrido.
Acollida e atención
Actúan como referencia local para ofrecer información e orientación sobre os tramos da Vía Mariana, facilitar o contacto cos recursos e servizos dispoñibles e colaborar na atención ás persoas que realizan o camiño.
Relación co territorio e dinamización local
Favorecen a comunicación entre a Asociación e os concellos, parroquias, comunidades de montes, asociacións e empresas locais. Ademais, promoven actividades culturais e divulgativas que contribúen a dar a coñecer a Vía Mariana e a implicar a poboación local no seu desenvolvemento.
Protección e difusión do patrimonio
Contribúen a identificar, documentar e poñer en valor os elementos patrimoniais vinculados ao percorrido, tanto materiais —camiños históricos, pontes, capelas, fontes ou cruceiros— como inmateriais —lendas, tradicións, coñecementos e costumes locais—.
A rede de delegacións territoriais constitúe, polo tanto, unha peza esencial para manter vivo o proxecto e favorecer a colaboración entre as persoas e entidades que forman parte da Vía Mariana.
Como contactar coas persoas delegadas territoriais
Se precisas información sobre un tramo concreto da Vía Mariana, orientación sobre o percorrido ou contactar coa persoa delegada correspondente, podes dirixirte á Asociación a través do correo electrónico info@viamariana.com, indicando o concello ou a zona de interese. A Asociación facilitarache o contacto ou a información que precises.
Credencial do peregrino/a
A Credencial do Peregrino é o documento que identifica ao Peregrino da Vía Mariana, certifica o seu paso por todas as Etapas desde Braga ata Muxía, e permítelle obter o Certificado Mariano ao final do Camiño.
A Credencial é Persoal e numerada.
Obtense cubrindo a Ficha do Peregrino.
A Credencial Mariana é a única forma de financiación da Asociación VMLG, xunto ás cuotas dos seus socios.
O donativo é de 3,50€.
Formas de aquisición da Credencial VMLG
- A Credencial VMLG pode ser adquirida por vía postal e previo depósito de (3,50€ + gastos de envío). Enviar a ficha cuberta a info@viamariana.com
CC.VMLG: ES46 2080 0576 3530 4001 0032 - Puntos de Venta Autorizada
- Posto de Turismo de Sameiro, en Braga-Portugal
- Henrique Malleiro. Braga. 00351 963934583
- Posto Turismo de Ponte da Barca
- Centro de Acogida de Parada de Achas. 0034629810341
- Albergue «Bela Muxía»-Muxía. Anxel. 0034687798222
- Rozsa Benedek. Muxía 0034699226586
- A alta como Socio en VMLG (20€/ano). A alta como Socio Colaborador ou Socio Comercial é de 50€/ano e dá dereito á placa identificativa como Establecemento Colaborador.
- Enviar ficha cuberta info@viamariana.com
«A Credencial inspírase nas antigas Escápulas medievais e a cinta da que pende transfórmase nunha pulseira ao finalizar o camiño«.
Faite socio/a
Faite socio/a
A Vía Mariana é un proxecto colectivo que medra grazas á implicación das persoas e entidades que cren no seu valor e queren contribuír á súa conservación e difusión.
Formar parte da Asociación Vía Mariana Luso-Galaica significa apoiar a recuperación e posta en valor deste itinerario, colaborar na protección do patrimonio e participar nunha iniciativa que conecta comunidades, territorios e culturas a través da peregrinaxe.
Quen pode asociarse?
Pode formar parte da Asociación calquera persoa física maior de 14 anos —as persoas menores de idade precisarán autorización familiar— ou entidade xurídica que comparta os seus fins e queira contribuír ao desenvolvemento da Vía Mariana.
Os Estatutos establecen catro categorías de membresía:
- Socios fundadores.
- Socios numerarios.
- Socios de honra.
- Socios colaboradores.
Como solicitar a alta?
O proceso para incorporarse á Asociación consta de tres pasos:
- Ponte en contacto con nós.
Escribe a info@viamariana.com, indicando os teus datos, a categoría de socio ou socia que solicitas e o teu interese en formar parte da Asociación. - Completa a documentación.
A Asociación facilitarache o formulario de adhesión e o Código de Boas Prácticas, que deberás coñecer e subscribir como parte do compromiso coa Vía Mariana. - Agarda a resolución da solicitude.
A Xunta Directiva valorará a petición na primeira reunión que celebre e, unha vez comprobado o cumprimento dos requisitos establecidos nos Estatutos, comunicarache a resolución.
Suma o teu compromiso á Vía Mariana!
Cada persoa e cada entidade poden contribuír a que este camiño siga medrando, conservando o seu patrimonio e achegando novos territorios e comunidades á súa historia.